SHAUN TAN: Emigrantes.
Emigrantes móstranos unha realidade aínda existente nestes nosos tempos, unha realidade especialmente ligada a nós como galegas e galegos, pois como xa cantaba a nosa Rosalía...
"Éste vaise i aquél vaise, e todos, todos se van ̈.
Shaun Tan proba que unha imaxe vale máis ca mil palabras valéndose só das súas ilustracións para facernos entender a crueza da emigración e a profunda dor da familia que se rompe, lanzando un intelixente paralelismo entre a incomprensión de certos debuxos por parte do lector e a incomprensión do protagonista emigrante ao atoparse nun novo país completamente diferente ao propio.
O autor emprega, ademais, a figura do seu pai - quen emigrou a Australia Occidental desde Malasia- achegando así a historia de tantas e tan diferentes persoas á súa propia experiencia familiar, facendo ao libro aínda máis impactante, se cabe.
Unha dura, aínda que emotiva historia de superación e loita, que Tan comparte con nós neste fermoso conto ilustrado.
(Recensión de Sara Iglesias Rodríguez, alumna de 1º E de Bacharelato e colaboradora da Biblioteca).